• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O punto limpo permanecerá pechado a próxima semana e tampouco funcionará a recollida de voluminosos

08/07/2021

Nos próximos días será efectivo o cambio de concesionaria da xestión do punto limpo da Laracha e os seus servizos complementarios. A nova empresa -Cogami, a través do seu centro de emprego Coregal especializado na xestión medioambiental integral- realizará previamente os labores oportunos de posta a punto das instalacións e dos seus equipamentos.

Por ese motivo o punto limpo permanecerá pechado durante a próxima semana, na que tampouco funcionará o servizo gratuíto de recollida a domicilio de voluminosos.

Unha vez restablecido o servizo xa coa nova xestión, os horarios de apertura do punto limpo serán os mesmos cos que viña funcionando nos últimos anos:

  • Luns de 15:00 a 20:00 h.
  • Mércores e venres de 16:00 a 20:00 h.
  • Sábados de 9:00 a 14:00 h. 

A recollida de voluminosos tamén volverá estar operativa de xeito similar, aínda que variarían tanto o teléfono como o correo electrónico de contacto para solicitar este servizo gratuíto para a cidadanía larachesa. Ambos datos faranse públicos co regreso do servizo.

O contrato tamén inclúe a implantación de colectores de recollida de aceites domésticos que serán situados nos próximos días en puntos estratéxicos das vilas da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.