• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de creación da área de recreo canino

06/07/2021

Xa están en marcha as obras de creación dunha área de recreo canino no núcleo urbano da Laracha, nunha parcela de titularidade municipal situada na confluencia das avenidas Bos Aires e Manuel Fraga. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, mantiveron unha xuntanza co responsable da empresa contratista, SYR-AMG, e o director de obra para coñecer o resultado dos primeiros traballos, consistes na instalación do peche perimetral da finca.

O Concello promove esta iniciativa ante o notable incremento na cifra de cans de compañía existentes nas zonas urbanas e co obxectivo de que as mascotas teñan á súa disposición un espazo público amplo e cun equipamento especialmente pensando para que poidan xogar, realizar exercicios para manter a saúde e favorecer a socialización con outros cans.

A parcela que albergará a área de recreo canino presenta unha superficie duns 1.300 metros cadrados e coa actuación proxectada quedará integrada no entorno urbano no que se sitúa. Será dividida en varios espazos adaptados ás necesidades das diferentes razas de cans polas súas características, condutas e tamaño. Cada un deles disporá de elementos e xogos nos que os animais poderán realizar actividade física e interactuar con outros cans.

O acceso ao recinto contará con dobre porta e un valado perimetral co obxectivo de evitar que os cans poidan escapar del, unha marquesiña con banco, unha fonte de dobre uso para persoas e mascotas, un dispensador de bolsas e un contedor de excrementos.

As diferentes áreas de esparexemento tamén estarán valadas perimentralmente, presentarán diferenzas de releve e serán de gran superficie para que os cans poidan correr en liberdade. Contarán con zonas de prado, area e recorridos con diversidade de xogos para o exercicio físico dos animais (túnel ríxido, salto de muro, slálom, etc). Tamén se contempla habilitar áreas separadas reservadas especificamente para as razas pequenas ou cans que presenten algún tipo de problema para evitar conflitos co resto.

O equipamento do recinto completarase cunha ducha de arco e bebedeiros de auga potable para os cans.

O proxecto de creación da área de recreo canino suporá un investimento próximo aos 35.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.