• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello conclúe en Erboedo a execución dos proxectos de limpeza e conservación de cunetas

29/06/2021

O Concello ten na fase final de execución os proxectos de limpeza e conservación das cunetas en estradas de titularidade municipal.

O obxectivo das actuacións é mellorar as condicións das vías e aumentar a súa capacidade de evacuación, reforzando tamén a seguridade viaria ao favorecer a drenaxe e evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes. Os traballos inclúen a completa limpeza das cunetas, tubos e gabias, a formación do arcén e o perfilado dos noiros, ademais da poda das polas saíntes, o transporte da terra e outra materia vexetal retirada e o desbroce e limpeza superficial do terreo desmontando.

Os últimos traballos estanse a realizar en Erboedo, estando afectadas nesta parroquia a vía que comunica a DP-1913 co Igrexario e A Fontenla, así como as súas conexións coas estradas que dirixen aos núcleos de San Paio, Paredes, Reirís e O Piñeiro.

O investimento alcanza os 95.000 euros financiados integramente con fondos propios municipais. En total actúase en 71 quilómetros lineais da rede viaria local con intervencións localizadas, ademais das comentadas na parroquia de Erboedo, nas seguintes vías:

  • Montemaior: núcleos de A Panela, O Viso, Goexe, Propeste, Santa Margarida, O Canedo, A Chamusqueira, Nebrexe, As Cernadas, A Pena, A Baiuca, A Castiñeira, A Casanova, A Fieira, Vilariño, A Medorra, Casas Longas e O Igrexario.
  • Soandres: O Priorato, As Senras e Encián.
  • Coiro: Gudís, O Pazo Vello, A Painceira e O Casal do Monte.
  • Lemaio: Pedrarrubia, O Pereiro, O Igrexario, A Fraga e A Pedreira.
  • Lendo: acceso a O Bastón
  • Caión: Xermaña, A Pedreira, O Outeiro e Alvite.
  • Cabovilaño: núcleos de O Cancelo de Abaixo, A Telleira, O Igrexario, Padronelo, A Casanova e O Cuartel, e estrada entre O Feal e A Rega.
  • Golmar: As Talladas e San Cristovo.
  • Lestón: O Cruceiro, Centulle e A Porta Santa.
  • Vilaño: Fragunde, Fornelos e Vilanova.