• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As obras de transformación da parada de taxis xunto á Praza do Concello entran na súa última fase

02/07/2021

A execución de proxecto de transformación da parada de taxis situada a carón da Praza do Concello, na céntrica Avenida de Caión da capital municipal, entrou na súa fase final.

Xa estás rematadas a fases das obras consistentes na ampliación da beirarrúa -que pasa a duplicar o seu espazo- e da colocación do adoquinado que diferencia a zona de parada dos taxis, que desde agora está orientada en liña.

O proxecto ten por finalidade mellorar a accesibilidade e adecuar ese espazo en beneficio de todos, tanto dos peóns como dos condutores e, por suposto, dos profesionais do sector do taxi que prestan este servizo público no termo municipal da Laracha e tamén dos seus usuarios, dado que terán unha maior comodidade para entrar e saír dos vehículos. Tamén se aumenta a seguridade ao existir agora unha maior separaración dos taxis estacionados da zona de circulación de vehículos.

A última fase das obras consistirá na creación dunha nova marquesiña xunto á parada en substitución das cabinas telefónicas para aumentar a comodidade dos usuarios durante o tempo de espera dos vehículos e tamén dos taxistas no momento de atención das chamadas. Ademais, resta por realizarse o pintado das marcas viarias, incluíndo a parada de autobús do transporte escolar.

A actuación deseñada polo Concello está valorada en preto de 30.000 euros e será financiada integramente con fondos propios municipais.

O alcalde, José Manuel López Varela, reuniuse hoxe no propio lugar das obras co responsable da empresa que está a executar o proxecto e tamén con Jesús López, presidente da Asociación de Taxistas da Laracha.