• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicados os contratos do servizo de desbroce de vías e parcelas municipais

26/06/2021

O Concello vén de completar o procedemento de contratación do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. Co propósito de axilizar a execución dos traballos, dito contrato foi dividido en cinco lotes que foron adxudicados a outras tantas empresas que comezarán as intervencións a principios de xullo.

Esta campaña de desbroce ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.

En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar eses traballos en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, máis de cen quilómetros de pistas forestais e preto de douscentos mil metros cadrados de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

En concreto, os lotes nos que está dividido o contrato son os seguintes:

  • Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
  • Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
  • Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
  • Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 27.313,74 euros.
  • Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 14.524,02 euros.

Tal e como se estipula nas cláusulas que rexeron o procedemento de contratación, en determinadas vías será preciso realizar dúas cortas durante a campaña de desbroce.