• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A MELLORA DO LUCERNARIO DA PISCINA MUNICIPAL DA LARACHA SUPORÁ UN INVESTIMENTO DUNS 60.000 EUROS

22/08/2016

O Concello da Laracha está a realizar unha ampla actuación de mantemento no complexo deportivo da piscina municipal que se executará ao longo deste mes e que implica o peche temporal de toda a zona de auga (vaso da piscina, spa e solárium) desde o pasado luns e ata finais de agosto, manténdose aberto o ximnasio e a sauna das instalacións.   

O proxecto que se está a desenvolver ten un orzamento duns 60.000 euros e cóntase coa colaboración da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A actuación consiste na mellora do lucernario do complexo e da cuberta, resolución de problemas de condensación e outras reparacións puntuais de menor entidade (portas, ventás, etc.). En definitiva, estanse a levar a cabo as oportunas actuacións de mantemento que requiren estas instalacións, que a finais deste mes de agosto cumpriran os 17 anos desde a súa inauguración.   

Tal e como o Concello consensuou coa empresa concesionaria da xestión deste complexo deportivo, as obras estanse a realizar no mes no que a piscina presenta un menor volume de usuarios e coincidindo, tamén, coa semana de peche técnico que se realiza dúas veces ao ano para acometer os mantementos e unha exhaustiva limpeza integral das instalacións. 

A empresa concesionaria aplicará as correspondentes modificacións –coa redución no prezo- nas cotas de socios que están afectadas pola descontinuidade do servizo de piscina.

Compartir: