CONSENSUADAS AS INICIATIVAS QUE SE LEVARÁN A CABO NO PRÓXIMO CURSO EN PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO
18/05/2016
A mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse o 9 de maio no Salón de Plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde (José Manuel López Varela), e na que tamén participaron a concelleira de muller (Rocío López), a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha (Ana Aldao), o sarxento do posto da Garda Civil da Laracha (Higinio Pena), a doutora María José López Villalba en representación do centro de Saúde da Laracha, o director do CEIP de Caión, as directoras e orientadoras dos colexios da Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e a orientadora do IES Agra de Leborís.
En primeiro lugar, os representantes municipais agradeceron a todos os membros desta mesa a súa implicación e cooperación para que o Concello da Laracha sexa un referente na loita contra a violencia de xénero. Ana Aldao afirmou que varios municipios galegos se están a poñer en contacto co CIM da Laracha para interesarse polo funcionamento destas reunións periódicas nas que participan profesionais dos diferentes sectores implicados, xa que desexan poñelas en práctica nos seus Concellos.
Obradoiros de prevención
Xa centrados nos puntos da orde do día da reunión, falouse da planificación das iniciativas e actividades de prevención de malas condutas a desenvolver nos centros de ensino no próximo curso escolar. Todos os alumnos de primaria e secundaria participarán en obradoiros de educación afectivo-emocional e de prevención da violencia nas redes sociais. No Instituto levarase a cabo, tamén, un obradoiro de habilidades sociais e hábitos de vida saudable. En primaria as iniciativas realizaranse no primeiro trimestre do próximo curso e en secundaria, no segundo. Ademais, o 25 de novembro haberá a Festa da Igualdade trala excelente experiencia da primeira edición.
Todas as actividades serán postas en marcha baixo a dirección do CIM da Laracha.
Valoración da coordinación entre sectores
Púxose de manifesto a excelente coordinación entre os diferentes sectores que forman parte da Mesa de Prevención da Violencia de Xénero, así como a eficacia dos mecanismos de cooperación.
Resaltouse especialmente a sensibilidade dos profesionais do centro de atención primaria da Laracha, xa que un 30% dos casos de mulleres en situación de vulnerabilidade derivados ao CIM foron precisamente desde o consultorio médico. Os centros educativos, os servizos sociais e as Forzas e Corpos de Seguridade completan, por esa orde, a porcentaxe de derivacións.
Próximas reunións
A mesa sectorial de educación e sanidade volverá reunirse o 3 de outubro, tralas vacacións de verán nos centros de ensino e co novo curso xa en marcha.
Antes, o 1 de xuño, será a correspondente reunión da mesa sectorial de coordinación policial, á que se convidará a asistir a representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade.