• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O programa de actividades de verán inclúe vinte e unha propostas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil

19/06/2021

O Concello presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro e que inclúe un total de vinte e unha propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil, permitindo tamén en determinados casos a participación de persoas adultas. O dobre obxectivo deste programa é ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo de inscrición abrirase este martes (22 de xuño). Poderán formalizarse acudindo ao Concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que se habilitará na web municipal alaracha.gal. A realización de todas as actividades cumprirá coa normativa vixente en materia sanitaria e en todos os casos as prazas son limitadas, tendo preferencia de acceso ás persoas empadroadas no termo municipal da Laracha. Tamén por esta circunstancia non será posible realizar neste ano algunhas das propostas tradicionais, pero aínda así o programa será moi completo, variado e de alta calidade.

Así, neste verán os campamentos realizaranse en horario de mañá no pavillón municipal da Laracha e en dúas quedas dividindo aos participantes por grupos de idade. A primeira será do 12 ao 16 de xullo e a segunda, a semana seguinte, do 19 ao 23 de xullo.

Regresan á programación os dous campus que tradicionalmente se realizaban no verán e que non puideron levarse a cabo o ano pasado. O de fútbol realizarase nos campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco do 5 ao 9 de xullo. O de baloncesto será do 26 ao 30 de xullo no pavillón Municipal da Laracha.

Outras actividades para o público infantil serán o circuíto de karts a pedais que se habilitará no campo da feira de Paiosaco o 10 de agosto e o cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión o 24 de agosto. Ademais, haberá saídas para gozar de xornadas lúdicas de humor amarelo (A Coruña, 14 de xullo), multiaventura (Naturmaz en Mazaricos, 27 de xullo), inchable acuático (praia de Gandarío, 3 de agosto), paintball (Cacheiras de Teo, 18 de agosto) e visita ao museo etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto, as actividades propostas son unha xornada multiaventura en Naturmaz de Mazaricos (15 de xullo), barranquismo no pontevedrés río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), humor amarelo na Coruña (17 de agosto) e iniciación ao surf na praia de Caión (26 de agosto).

O venres 10 de setembro na Laracha realizarase unha xornada de Cultura Urbana con obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football, que concluirá co espectáculo Ópera Break´s.

O programa tamén inclúe cine ao aire libre na Praza Eduardo Vila Fano de Caión con Maimiño e o espello máxico o 16 de xullo e Maléfica, maestra del mal o 5 de agosto.

Ademais haberá espectáculos de rúa coincidindo con tres das principais festas do verán. O 19 de xullo (Festas do Carme) Caión acollerá Acuario, de Teatro Ghazafelhos. O 15 de agosto (Festas da Laracha), está programado o show de acrobacia aérea e ópera cantada Ikigai, a cargo de SU.MA. Por último, o día dos Milagres (8 de setembro) actuará en Caión Muu co espectáculo circense Crunch!

Na organización deste programa colabora co Concello da Laracha a Deputación Provincial da Coruña. A realización de todas actividades e eventos estará en todo caso suxeita ás medidas sanitarias e sociais que poidan establecer ao respecto as autoridades competentes.

 

DESCARGA

Programa Actividades Verán 2021