• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

16 empresas optan á adxudicación de dous proxectos na rede viaria valorados nun total de 329.000 euros

12/06/2021

O Concello continúa avanzando nos procedementos de contratación de dous proxectos de mellora da rede viaria que suporán un investimento de 329.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais. Trátase da ampliación da estrada que comunica os núcleos de Bos Aires e O Pereiro e a renovación integral da rúa Silverio Moreda, no casco urbano da Laracha.

Unha vez concluído o prazo de presentación de ofertas son un total de dezaseis empresas as que optan ás adxudicacións. A Mesa de Contratación reunirase a semana que vén para proceder á apertura das plicas.

A actuación de maior orzamento -243.500 euros- consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e O Pereiro, que forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo. Está proxectado o ancheamento da plataforma da calzada para dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil que reforce a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións. Neste caso son once as empresas que concorreron ao procedemento.

O outro proxecto afectará á rúa Silverio Moreda da capital municipal, que enlaza dúas estradas vertebradoras das comunicacións rodadas como son a Avenida Fisterra (estrada AC-552) e a Avenida de Caión (estrada DP-1913). Actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento a ambas marxes. O Concello, consciente das dificultades que iso implica para o tránsito, establecerá o sentido único. O proxecto que se levará a cabo está valorado en 85.500 euros e contempla a ampliación das beirarrúas, melloras na accesibilidade e na iluminación pública e a completa sinalización en toda a rúa. Cinco empresas aspiran á adxudicación deste contrato.