• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco xa conta co novo local construído polo Concello

11/06/2021

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, entregou ao presidente da Unión Deportiva Paiosaco, Carlos García, as chaves do novo local que o Concello vén de construír no campo municipal A Porta Santa, simbolizando así a posta a disposición do club deste novo espazo. No acto tamén participaron o concelleiro Ramiro Bello, a secretaria do club Susana Regueira e o responsable da empresa que executou o proxecto.

A actuación desenvolveuse dando continuidade ao edificio de vestiarios xa existente, xerándose un novo local cuberto dunha superficie útil aproximada de 30 metros cadrados que será empregado como sala de masaxes e fisioterapia. Deste xeito auméntase a cobertura en equipamentos do campo de fútbol, que tamén conta cun local social, sala de reunións, catro vestiarios para equipos e dous para árbitros, zona de lavandería e almacén, ademais das bancadas que na súa parte baixa albergan outro amplo espazo de almacenamento de material.

Este proxecto levouse a cabo polo Concello de acordo ás necesidades que presenta a U.D. Paiosaco, o club que é o principal usuario das instalacións, nas que desenvolven os adestramentos e os partidos como local os equipos (once na temporada actual) cos que conta a entidade en todas as súas categorías.

O investimento desta actuación superou os 17.000 euros financiados integramente con fondos propios municipais.