A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE, PARTICIPACIÓN E VOLUNTARIADO VISITA O CAMPO DE TRABALLO DA LARACHA
22/08/2016
Por terceiro ano consecutivo o Concello da Laracha, coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, organizou a levou a cabo un campo de traballo internacional dunha temática medioambiental e etnográfico-patrimonial centrada na limpeza, acondicionamento e posta en valor do río Bradoso ao seu paso polo termo municipal da Laracha.
O programa estivo en marcha entre o 1 e o 15 de agosto. Contouse con trece voluntarios procedentes doutros puntos da xeografía española (Comunidade Valencia, Castela e León e A Rioxa), Italia, México e Francia, todos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Están dirixidos por un equipo formado pola directora do campo de traballo e dous monitores especializados.
O 11 de agosto recibiron a visita de Cecilia Vázquez, a Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que se desprazou ata o punto de actuación dos voluntarios no propio entorno do río para coñecer o seu traballo. Tamén acudiron ao encontro o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López. Todos coincidiron en salientar a “extraordinaria labor que se está a desenvolver” no lugar, incluíndo os catorce muíños de auga existentes neste tramo.
O ámbito de actuación abarcou dous quilómetros e medio de distancia na parroquia de Montemaior, desde o cruce de San Fins e ata o Xestal. Trátase do tramo que discorre a carón do río Bradoso da ruta de sendeirismo establecida polo Concello da Laracha nesta zona e que en total alcanza os seis quilómetros e medio de percorrido.
Durante o campo de traballo as actuacións específicas na conca do río leváronse a cabo polas mañás. Nas tardes, os voluntarios realizaron outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permiten coñecer o termo municipal da Laracha, así como outros concellos próximos. Durante a súa estancia alóxanse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumiu ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais.