Concello
Conclúe a execución do proxecto de mellora da estrada e ampliación da rede de saneamento en Cabovilaño
09/06/2021
O Concello vén de concluír a execución dun amplo proxecto na parroquia de Cabovilaño dirixido a ampliar a rede de saneamento e mellorar as condicións da estrada entre os núcleos de A Braña, A Fraga, A Cacharra e A Teixoeira.
Hoxe finalizou a intervención coa pavimentación con aglomerado asfáltico en quente da vía, que presenta unha lonxitude aproximada de oitocentos metros, incluíndo a ampliación da plataforma da calzada que agora pasa a ter unha anchura mínima de seis metros. Isto facilitará as comunicacións rodadas e reforzará a seguridade viaria na zona.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, mantiveron unha reunión co director da obra no propio lugar das actuacións.
Previamente, na anterior fase de execución do proxecto, nun tramo desta mesma estrada instaláronse soterradas as tubaxes para ampliar o servizo de saneamento de residuais, ampliando a rede e conectándoa coa xa existente en A Cacharra.
O investimento total sitúase en torno aos 80.000 euros.