• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberta á circulación a nova vía que prolonga a Avenida Manuel Fraga ata a Avenida López Astray

10/06/2021

O Concello procedeu hoxe a abrir á circulación a nova vía creada na Laracha que prolonga a Avenida Manuel Fraga pola parte posterior do IES Agra de Leborís e a comunica directamente coa Avenida Doutor López Astray a través da rúa Maruja Mallo.

A apertura ao tráfico faise unha vez concluída a execución do amplo proxecto de urbanización, que incluíu a pavimentación da nova estrada coa correspondente sinalización horizontal e vertical, a construción de beirarrúas, creación de espazo de aparcamento, instalacións das redes de saneamento e abastecemento e a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública.

Investíronse 245.000 euros neste proxecto, que forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto xa que, ademais de crearse a nova vía, habilitouse un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar que xa foi empregado nas últimas semanas.

Neste ámbito o Concello está a crear un punto de referencia para os veciños xa que, ademais da apertura e urbanización da nova vía, construirase unha segunda pista polideportiva descuberta –xunto á outra que xa está operativa- e un parque de patinaxe.