• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Concello e Xunta de Galicia cofinanciarán o proxecto de mellora das instalacións da piscina municipal

10/06/2021

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, desprazouse ao Concello da Laracha para interesarse polo proxecto de mellora do complexo deportivo da piscina municipal e visitar esas instalacións co alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López.

A actuación que se levará a cabo en próximas datas está valorada nuns 65.000 euros e será cofinanciada por ambas administracións ao contarse cunha achega económica da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo no marco da convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

O amplo proxecto consta de varias intervencións de diversas características, todas dentro da mesma instalación. Por unha parte realizarase unha completa mellora na cuberta, que presenta unha superficie aproximada de 700 metros cadrados, co propósito de impermeabilizala e evitar posibles filtracións de auga.

No ximnasio será renovado o pavimento nos seus 196 metros cadrados de superficie. Instalarase un novo de tipo deportivo e apto para a colocación de maquinaria.

Na zona da piscina actuarase no pavimento coa fin de evitar filtracións cara as praias e, por tanto, a perda de auga do vaso.

Tamén se contempla a reforma da fachada cunha intervención de mantemento e reparación da madeira do revestimento exterior do edificio.