• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello saca a concurso a instalación dun posto de venda ambulante na área recreativa de Gabenlle

04/06/2021

A área recreativa de Gabenlle é un dos principais puntos de referencia turística no Concello da Laracha. Situada moi próxima ao núcleo urbano da Laracha, este espazo de esparexemento xunto ao río Anllóns dispón dunha ampla cobertura en equipamentos e servizos –parques infantís, parque biosaudable, espazos abertos, grellas, mesas, aseos, etc.- para gozar dunha xornada de lecer en familia ou con amigos nun entorno natural.

Debido á afluencia de persoas que acoden á área recreativa de Gabenlle especialmente durante o verán, o Concello considera de interese para os usuarios autorizar a instalación dun vehículo de venda ambulante nese entorno.

Na próxima semana publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexerán o procedemento, que irá dirixido exclusivamente a persoas físicas ou xurídicas que se atopen legalmente constituídas para exercer a actividade de venda ambulante. Trala publicación, o prazo para a presentación de ofertas será de 30 días. O único criterio obxectivo de valoración será o prezo ofertado, sendo o mínimo de 500 euros anuais.

Segundo se estipulan nas bases, o vehículo poderá vender unicamente xeados, refrescos, lambetadas, froitos secos, bocadillos ou similares. Terá autorización para situarse xunto á entrada principal da área recreativa durante a época estival entre as 10:00 e as 22:00 horas, sendo a concesión ata o ano 2024. Ao remate de cada xornada deberá ser retirado da vía pública.