Concello
O obradoiro de emprego conclúe a intervención no entorno do museo de Golmar
05/06/2021
O Obradoiro de Emprego A Laracha VI está a concluír as actuacións previstas no entorno do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, a que é unha das intervencións máis destacadas do programa.
Os traballos nesta localización desenvolvéronse en varias fases. Consistiron na conservación medioambiental da parcela municipal situada contigua á do museo, incluíndo a completa limpeza do terreo, o podado das nogueiras e cerdeiras xa existentes e a plantación de máis exemplares deses mesmo tipos.
Por outra parte, a especialidade de carpintería e moble mellorou a balaustrada do hórreo, renovou o mobiliario urbano instalando os novos equipamentos (bancos e papeleiras) creados por eles mesmos no taller -incluíndo as correspondentes bases de cada elemento e a tarima- e realizou traballos de mantemento nas fiestras e porta de acceso ao museo. Para rematar a actuación, agora están a renovar o peche perimetral de madeira que bordea o recinto. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, puideron coñecer in situ o avance nesta última fase dos traballos.
Forman parte deste programa dual de formación e emprego -financiado polo Concello e pola Xunta de Galicia- un total de vinte e cinco persoas. Vinte son os alumnos traballadores vinculados ao Concello cun contrato de formación e outras cinco persoas son o equipo directivo, formativo e administrativo composto por unha directora, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo.
Outras actuacións que se están a realizar grazas ao Obradoiro de Emprego A Laracha VI son a mellora da área recreativa de Gabenlle e do paseo fluvial do Anllóns. Tamén está previsto que renoven o mobiliario urbano en diferentes localizacións do termo municipal e a mellora de zonas de riqueza medioambiental como a área verde situada nas inmediacións do parque empresarial.