• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Unifersa fortalece o sector industrial da Laracha coa colocación de primeira pedra das súas novas instalacións no parque empresarial

01/06/2021

Unifersa, empresa de referencia nacional na distribución de material de ferraxaría, colocou hoxe a primeira pedra do que serán as súas futuras instalacións no parque empresarial da Laracha. Con este acto simbolizouse o inicio dunhas obras que se prolongarán durante o próximo ano e medio e que se levarán a cabo na parcela de 42.000 metros cadrados de superficie adquirida pola firma galega.

Ante o Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o director xeral –Jesús Vieito-, o presidente –Luis Astray-, membros do consello de administración, xunta directiva e socios de Unifersa, o alcalde agradeceu á empresa a súa “aposta pola Laracha”, o que tamén considera un “éxito municipal”. Para José Manuel López Varela “hoxe é un día histórico para este Concello” no que “non só se colocou a primeira pedra do proxecto, tamén se colocaron moitas pedras para fortalecer e continuar consolidando o tecido empresarial, xerar actividade económica na comarca de Bergantiños, o xurdimento de novas posibilidades de negocio, a creación de postos de traballo directos e indirectos e  para fixar poboación na Laracha.

O rexedor local tamén destacou as oportunidades que ofrece o parque empresarial, que aspira a que se converta nunha “plataforma loxística de referencia no noroeste de España dentro do eixo industrial A Laracha–Arteixo–Carballo”. Por iso referiuse á “importancia do que podemos alcanzar cando todas as administracións implicadas traballan xuntas cun mesmo propósito” en alusión á futura ampliación do polígono que está actualmente en trámite.