• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O xefe territorial de Educación visita os colexios da Laracha e de Paiosaco

26/05/2021

Indalecio Cabana, o xefe territorial de Educación, estivo hoxe no Concello da Laracha para visitar os colexios da capital municipal e de Paiosaco, interesarse polas últimas intervencións levadas a cabo neses centros e analizar xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, e as comunidades educativas as actuacións e desenvolver no futuro.

No CEIP Otero Pedrayo coñeceu a nova biblioteca do colexio trala súa reestruturación, proxecto que foi cofinanciado pola Xunta de Galicia, o Concello e o propio centro. Esta biblioteca escolar ten unha superficie de 163 metros cadrados e está concibida como un espazo multidisciplinar, educativo, creativo, motivador e atractivo para o alumnado arredor do que xirarán moitos dos proxectos do colexio. Ademais da colección bibliográfica e do equipamento e mobiliario necesarios para que o alumnado poida disfrutar da lectura, tamén conta cun espazo que albergará a futura radio escolar.

Indalecio Cabana tamén se interesou polo procedemento de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos deste colexio que se atopa actualmente en trámite. O Concello investirá máis de 81.000 euros na adquisición dunha superficie de 13.761 metros cadrados que permitirán aumentar a superficie vinculada ao CEIP Otero Pedrayo para equipamentos deportivos ou educativos, ademais de aumentar a seguridade viaria na zona coa ampliación da rúa José Añón e a creación de beirarrúas e dunha zona de aparcamento para autobuses do transporte escolar. Así mesmo, comprobaron o estado actual do peche perimetral do recinto.

No CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco a Xunta realizará unha intervención para mellorar as condicións da cuberta da pasarela que comunica os dous edificios do colexio. De acordo coa dirección do centro de ensino, a outra cuberta existente na zona do patio será eliminada xa que presenta danos e na actualidade carece de función, polo que se optou por esa actuacións que tamén posibilitará deixar os accesos máis libres de estruturas. Ademais, revisouse o estado actual do peche.

Na anterior visita de traballo do xefe territorial de Educación ao Concello da Laracha no pasado mes de marzo tratárase a necesidade de completar a mellora do peche perimetral do CEIP de Caión no último tramo no que resta por intervir despois da rehabilitación realizada polo Concello e pola Consellería de Educación no sector do acceso principal e tamén no que bordea a pista polideportiva e o parque infantil.