ADXUDICADO O CONTRATO DA OBRA DE MELLORA DE ESTRADAS RURAIS EN CATRO PARROQUIAS
22/08/2016
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou o 19 de agosto adxudicar o contrato das obras que se executarán con cargo aos fondos da anualidade 2016 do Programa de melloras de camiños de acceso a explotacións agrarias, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
As obras que se levarán a cabo sitúanse nas parroquias de Torás, Coiro, Lemaio e Cabovilaño. Teñen por obxectivo esencial mellorar as condicións da rede viaria para facilitar a accesibilidade a fincas agrarias, tal e como establecen as bases da citada convocatoria.
En concreto a actuación en Torás afecta ao camiño que comunica e cemiterio novo da Laracha coa zona de Mirón. En Coiro actuarase na estrada que vai desde o núcleo de O Cruceiro ata a vía provincial DP-1913. A terceira obra consiste na mellora das condicións do pavimento e tamén a drenaxe de pluviais en todo o tramo da vía que parte xunto á AC-552 no lugar da Estrada (Lemaio) e pasa polo núcleo de Tuixe ata chegar ata A Barreira (xa na parroquia de Cabovilaño).
O investimento total do proxecto alcanza os 103.000 euros, sendo a achega de Agader para o seu cofinanciamento de 86.248 euros e asumindo o Concello da Laracha a parte restante do custe con fondos propios municipais.
Eficiencia enerxética
Na sesión tamén foi adxudicado á empresa Elecnor o contrato para implantar no complexo deportivo da piscina e no campo de fútbol Municipal da Laracha novos sistemas de xeración de calor con biomasa, de alto rendemento enerxético, en substitución dos existentes de gasóleo de calefacción.
O proxecto deseñado polo Concello da Laracha conclúe que o aforro enerxético estimado cos novos sistemas será de preto do trinta por cento do gasto actual. Por tanto a actuación, ademais de ser respectuosa no aspecto medioambiental, tamén será economicamente rendible a curto prazo.
A actuación está valorada en 170.000 euros, contándose cunha achega do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) do setenta e cinco por cento procedente do programa para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.
En ambos casos, unha vez formalizados os contratos, agárdase que as actuacións previstas comecen a executarse nos próximos días.
Prevención e defensa contra incendios
O último dos contratos adxudicados é o referido ao cuarto lote dos traballos preventivos de xeito mecanizado para a prevención e defensa contra incendios forestais, que inclúe o servizo de limpeza de parcelas de titularidade municipal.
En concreto, os terreos que serán acondicionados a través deste plan son o ámbito do sendeiro azul da praia de Caión, polideportivo de Xermaña, cemiterio novo de Caión, parque empresarial da Laracha, urbanización Buenos Aires, urbanización Monte Claro e unha parcela no Igrexario de Lemaio.
En total o Concello da Laracha investirá máis de 12.000 euros na limpeza duns 180.000 metros cadrados de superficie.