• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As brigadas medioambientais municipais actúan na área verde xunto ao parque empresarial

29/05/2021

As brigadas medioambientais municipais están a levar a cabo os labores de limpeza do extenso espazo de protección ambiental que está integrado no ámbito do parque empresarial e que se sitúa contiguo ao río Vilán, na parte sur da zona industrial e xunto ás estradas que comunican O Cancelo (parroquia de Cabovilaño) coa parroquia de Lendo e co núcleo de Arén

En torno a estas datas o Concello realiza cada os traballos oportunos de mantemento, limpeza, acondicionamento e conservación deste singular espazo natural público que está a disposición de todos os veciños e visitantes do noso municipio.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, reuníronse cos operarios municipais no propio lugar das actuacións para interesarse polo desenvolvemento dos traballos que se están executando.

Esta área verde é a máis ampla do municipio ao presentar unha superficie total de 45.000 metros cadrados. Posúe unha gran riqueza medioambiental ao contar cunha densa vexetación arbórea autóctona. Precisamente a posta en valor deste espazo é unha das actuacións que levará a cabo o Obradoiro de Emprego A Laracha VI que está actualmente en marcha.