• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego realiza unha ampla intervención para poñer en valor a área recreativa de Gabenlle

22/05/2021

O Obradoiro de Emprego A Laracha VI está a realizar unha ampla intervención na área recreativa de Gabenlle que fará este espazo máis atraínte para os usuarios ao aumentar a súa accesibilidade e conservar este entorno natural.

Unha das actuacións principais consiste na colocación dun pavimento de celosía na área que alberga a zona de grellas e as mesas situadas máis próximas á entrada principal. Este material permite o crecemento do céspede, polo que quedará integrado no entorno alcanzando o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e embelecer a zona.

Outros traballos que se están a levar a cabo simultaneamente céntranse no perfilado dos itinerarios xa existentes, o resementado de céspede nas zonas que así o requirían, a eliminación da vexetación seca e tamén de eucaliptos, actuacións de conservación das árbores autóctonas, a mellora do sistema de rego automático e a renovación do mobiliario.

O alcalde, José Manuel López Varela, xunto aos concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, acudiron á área recreativa de Gabenlle para manter un encontro cun dos mestres e con parte do alumnado-traballador e interesarse polo labor que están a levar a cabo.

Forman deste programa dual de formación e emprego un total de vinte e cinco persoas. Vinte son os alumnos traballadores vinculados ao Concello cun contrato de formación e outras cinco persoas son o equipo directivo, formativo e administrativo composto por unha directora, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo.

Outras actuacións que se están a realizar a través do Obradoiro de Emprego A Laracha VI son a mellora do entorno do museo de Golmar e do paseo fluvial do Anllóns e a creación no taller de mobiliario urbano que será instalado en diferentes puntos do Concello.