• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras dirixidas a transformar a parada de taxis xunto á Praza do Concello

19/05/2021

Xa está en marcha a execución de proxecto dirixido a transformar a parada de taxis existente a carón da Praza do Concello, na céntrica Avenida de Caión da capital municipal.

A actuación ten por finalidade mellorar a accesibilidade e adecuar ese espazo en beneficio de todos, tanto dos peóns como dos condutores e, por suposto, dos profesionais do sector do taxi que prestan este servizo público no termo municipal da Laracha e tamén dos seus usuarios, dado que terán unha maior comodidade para entrar e saír dos vehículos.

Actualmente a parada de taxis conta con prazas de estacionamento en diagonal entre a zona de circulación e unha beirarrúa dun metro de amplitude que dá acceso á Praza do Concello.

O proxecto contempla recolocar as prazas da parada de taxis para realizar o estacionamento en liña, gañándose así un espazo que permitirá ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual e aumentar o espazo de separación entre a zona de estacionamento e o ámbito de circulación.

Ademais, crearase unha nova marquesiña xunto á parada en substitución das cabinas telefónicas para aumentar a comodidade dos usuarios durante o tempo de espera dos vehículos e tamén dos taxistas  no momento de atención das chamadas.

A actuación deseñada polo Concello está valorada en preto de 30.000 euros e será financiada integramente con fondos propios municipais.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto, reuníronse cun representante da empresa adxudicataria no propio lugar das obras pouco despois do inicio das primeiras intervencións.