• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha repite triplo galardón de ADEAC: Bandeira Azul, Sendeiro Azul e Centro Azul de Educación Ambiental

11/05/2021

A Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) veñen de facer pública a relación de iniciativas ambientais galardoadas neste ano 2021. O Concello da Laracha repite o triplo galardón dos últimos anos ao obter tres recoñecementos: a bandeira azul para a praia de Caión, o sendeiro azul para o Sendeiro de Saldoiro e o centro azul para o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte situado na antiga reitoral de Golmar.

Polo tanto, neste verán unha vez máis ondeará na praia de Caión a bandeira azul, o distintivo internacional de maior prestixio que pon de manifesto a calidade tanto do areal como das súas augas, a ampla cobertura de servizos para os usuarios da praia e o desenvolvemento de iniciativas encamiñadas ao respecto medioambiental e á conservación dos ecosistemas da zona.

Así mesmo, o tramo do paseo marítimo de 1,5 quilómetros de distancia entre a praza Eduardo Vila Fano e o arroio Figueirido, denominado Sendeiro de Saldoiro en alusión ao nome da zona pola que discorre na súa maior parte, volve contar co distintivo de sendeiro azul.

E por cuarto ano consecutivo tamén a zona interior do municipio obtén un recoñecemento de ADEAC –centro azul- ao labor de educación ambiental que se leva a cabo no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar. Deste xeito prémiase o contido das actividades e iniciativas que se desenvolven nesa instalación municipal, o que indirectamente supón tamén valorar a riqueza etnográfica municipal e o atractivo turístico e medioambiental dos entornos fluviais, en especial os dos ríos Acheiro, Bradoso e Anllóns.