• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A execución do proxecto de urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga entra na súa última fase

06/05/2021

As obras de execución do proxecto de urbanización da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, pola parte posterior do IES Agra de Leborís, entraron na súa última fase. Ao longo da xornada de hoxe desenvólvense os traballos de pavimentación da nova estrada. A continuación soamente restará o pintado das marcas viarias e dos aparcamentos e a sinalización horizontal e vertical para dar por concluídas as actuacións previstas.

Este proxecto forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto xa que, ademais de crear a circunvalación que conecta directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, habilitouse un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar que xa puido ser empregado no día de hoxe. Deste xeito refórzase a seguridade viaria ao evitar que eses vehículos teñan que circular por outras vías do entramado urbano da capital municipal. A apertura para os automóbiles en xeral realizarase nos próximos días.

Nas fases de execución anteriores leváranse a cabo as outras intervencións contempladas no proxecto, como a construción de beirarrúas, creación de espazo de aparcamento, instalacións das redes de saneamento e abastecemento e a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública. O proxecto supón un investimento de 245.000 euros.

Neste lugar o Concello está a crear un punto de referencia para os veciños xa que, ademais da apertura e urbanización da nova vía, construirase unha segunda pista polideportiva descuberta –xunto á outra que xa está operativa- e un parque de patinaxe.