Concello
O Concello creará un espazo formativo a través do programa Aula Mentor
05/05/2021
O Ministerio de Educación y Formación Profesional vén de resolver a convocatoria de axudas para a creación de aulas de formación abertas e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación a través de Aula Mentor, estando o Concello da Laracha entre as entidades locais beneficiarias.
Cos fondos procedentes desta liña de subvencións o Concello habilitará un espazo que contará co equipamento necesario (mobiliario, ordenadores, etc.) para que as persoas que o desexen poidan acudir a el para realizar os cursos formativos dispoñibles.
Aula Mentor é un programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización personalizada que vai dirixido a persoas maiores de 18 años, especialmente ás que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación. Dispón dun extenso catálogo de cursos cos que os beneficiarios poden ampliar as súas competencias persoais e profesionais.
Os obxectivos de Aula Mentor céntranse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta que non ten oportunidade de asistir á oferta presencial e cuxo ritmo de aprendizaxe e dedicación require dun sistema totalmente flexible, non suxeito nin a horarios nin a prazos de ningún tipo.
A súa oferta formativa materialízase nun conxunto de cursos organizados en áreas formativas e que son deseñados e adaptados especialmente para as características dos potenciais destinatarios e da modalidade de ensinanza.