Concello
Ábrese a inscrición para os servizos de aula lúdica de verán e Madrugadores do próximo curso escolar
04/05/2021
O Concello abriu a inscrición para os dous servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestan a través do Programa Harmoniza.
Un deles é a aula lúdica durante o verán, no período entre o remate do actual curso escolar e o inicio do seguinte. Poderán ser beneficiarios nenos de entre tres e doce anos de idade cuxos pais xustifiquen a necesidade deste servizo de axuda á conciliación que o Concello presta de xeito gratuíto. Estará en funcionamento de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. O prazo para anotarse rematará o 14 de xuño.
Así mesmo, tamén se pode formalizar ata o 31 de xullo a inscrición en Madrugadores para o curso escolar 2021-2022. Grazas a este servizo permítese levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.
En ambos casos os documentos de inscrición están dispoñibles para a súa descarga aquí e deben presentarse no Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no edificio administrativo da Laracha, ou ben en liña na sede electrónica.
Tanto no servizo de aula lúdica de verán como no de Madrugadores existen protocolos de actuación específicos para previr contaxios da covid, garantindo o cumprimento de todas as medidas sanitarias relativas á organización, protección individual e limpeza, contemplándose o modo de acceso, o emprego da máscara, os grupos reducidos e a hixiene tanto dos nenos e dos monitores como do material e dos espazos nos que desenvolven as actividades.