• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A modificación do estudo de detalle da parcela do centro de día e fogar residencial supera o período de exposición pública sen terse presentado alegacións

03/05/2021

O Concello continúa avanzando nos trámites urbanísticos necesarios para posibilitar, nun futuro, a ampliación das instalacións do centro de día e fogar residencial da Laracha. A modificación do estudo de detalle da parcela que alberga dita infraestrutura –aprobada con carácter inicial pola Xunta de Goberno a finais de febreiro- superou o período de exposición pública sen terse presentado alegacións. Agora será o Pleno o órgano competente para elevar a definitiva a aprobación do documento.

O obxecto deste trámite é a adecuación de certos parámetros urbanísticos -como a tipoloxía, altura e ocupación máxima en planta sobre rasante- ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin último de adaptar o planeamento da parcela e establecer as condicións que se deberán cumprir no momento no que se redacte o proxecto de ampliación . A modificación non supón alteracións no destino urbanístico do solo, nin parcelacións do mesmo, e tampouco implica a redución de superficies destinadas a infraestruturas viarias, espazos libres ou dotacións.

Actualmente o fogar residencial da Laracha ten cubertas 17 das 18 prazas ofertadas para persoas maiores dependentes que precisan dunha atención integral e cuxa estancia é continua e permanente.

No centro de día o número de prazas é de 25,5, das cales nestes momentos hai cubertas 17. Neste caso trátase dun servizo de apoio ás familias no que se presta durante o día atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno familiar habitual.

O centro de día e o fogar residencial da Laracha forman parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sendo xestionados, por tanto, pola Xunta de Galicia.