• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello repara e mellora a estrada de acceso a Quintáns

30/04/2021

O Concello ten en fase de execución e financia integramente o proxecto de reparación e mellora da vía que comunica a estrada DP-2404 desde O Formigueiro ata Quintáns (parroquia de Vilaño).

Dita vía permanece pechada á circulación desde o pasado mes de xaneiro, cando a acumulación de auga causada polos temporais provocou danos na estrutura á altura do coñecido como Rego das Vixías. Debido ao emprazamento das obras a realizar, foi preceptiva a autorización de Augas de Galicia para levalas a cabo, documento que foi remitido ao Concello nesta semana.

O proxecto que se está a desenvolver consiste na reparación da drenaxe transversal do camiño coa instalación de tubaxes que triplican o diámetro das anteriores, a pavimentación do sector afectado e, ademais, aproveitouse para ampliar a anchura da calzada.

O Concello inviste 15.000 euros nestas obras, necesarias para a posta en servizo da estrada á circulación rodada. Durante a execución dos traballos, o tráfico continuarase desviando polo núcleo de A Ribela.