• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O PROGRAMA “DESEÑANDO O TEU FUTURO” COMEZOU CUNHA VISITA Á PLANTA DE CELSA ATLANTIC

01/08/2016

Os trinta mozos que participan no programa de formación profesional Deseñando o teu futuro -posto en marcha polo Concello da Laracha coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia- realizaron o 28 de xullo a primeira das actividades previstas, que consistiu nunha visita guiada á planta de Celsa Atlantic situada no ámbito do parque empresarial.   

Durante a visita -na que estiveron acompañados por profesionais da siderurxia, o alcalde José Manuel López Varela e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López- puideron coñecer as instalacións e o traballo que se leva a cabo nunha das industrias e referencia no termo municipal.   Desde o Concello da Laracha agradecemos a Celsa Atlantic a súa plena disposición para realizar esta actividade e o excelente trato por parte dos seu profesionais cara os rapaces ao longo de toda a xornada.   

Cabe lembrar que no mes de agosto os mozos de entre 14 e 18 anos de idade que se acolleron ao programa Deseñando o teu futuro realizarán estadías de quince días de duración en empresas larachesas de moi diversos sectores (escollidos libremente por cada un deles) co propósito de adentrarse no coñecemento da actividade profesional mediante a observación e a realización de prácticas. Durante o seu labor estarán titorizados permanentemente por persoal das empresas e tamén do Concello para orientalos, asesoralos, formalos e axudalos a desempregar o traballo de xeito óptimo. Por cada xornada de traballo de catro horas os participantes percibirán unha compensación económica de seis euros. Ao rematar as prácticas recibirán o certificado homologado pola Xunta de Galicia co que poderán documentar oficialmente a experiencia adquirida.   

Trátase en definitiva, dunha iniciativa que permitirá aos mozos adquirir coñecementos que lles axuden a descubrir cal pode ser a súa vocación profesional e proporcionarlles a posibilidade de ter un primeiro contacto coa realidade socio-laboral, facilitándolles que adquiran unha experiencia para axudarlles a decidir a súa futura traxectoria.

Compartir: