• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Avanza a bo ritmo a execución do proxecto de urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga

27/04/2021

A execución do proxecto de urbanización da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, pola parte posterior do IES Agra de Leborís, avanza a bo ritmo tal e como puideron comprobar hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, nunha visita ao lugar das actuacións durante a que mantiveron un encontro con representantes da empresa contratista Construcciones Ponciano Nieto S.L.

O proxecto está valorado en preto de 245.000 euros e forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto. Inclúe a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, creación de espazo de aparcamento, axardinamento, redes de saneamento e abastecemento, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e tamén a sinalización horizontal e vertical, estando contemplado, entre outras medidas de seguridade viaria, un paso de peóns elevado.

Con esta intervención crearase unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha.

A obra tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto –pola parte posterior do centro- para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.

O Concello está a crear neste lugar do núcleo urbano da Laracha un punto de referencia para os veciños xa que, ademais da apertura e urbanización da nova vía, nesta zona construirase unha segunda pista polideportiva descuberta –xunto á outra que xa está operativa- e un parque de patinaxe.