• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Nove empresas optan á adxudicación dos contratos do servizo de desbroce de vías e parcelas municipais

27/04/2021

Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas na licitación do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal, son nove as empresas que optan a resultar adxudicatarias dalgún dos cinco lotes no que foi dividido o contrato co propósito de axilizar a execución das actuacións.

Esta campaña de desbroce ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.

En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar eses traballos durante o remate da primavera, o verán e no inicio do outono en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, máis de cen quilómetros de pistas forestais e preto de douscentos mil metros cadrados de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes. Tal e como se estipula nas cláusulas que rexen o procedemento, en determinadas vías será preciso realizar dúas cortas durante a campaña de desbroce.

En concreto, os lotes nos que está dividido o contrato son os seguintes:

  • Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
  • Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
  • Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
  • Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 27.313,74 euros.
  • Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 14.524,02 euros.

Continuando co procedemento administrativo, nos próximos días reunirase a Mesa de Contratación para proceder á apertura das plicas e clasificar as ofertas presentadas como paso previo á adxudicación.