• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello formaliza a adhesión ao convenio coa Xunta para a concesión de axudas ao sector hostaleiro

22/04/2021

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse a adhesión do Concello da Laracha ao convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e coa Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión das axudas ao sector da hostalaría cuxos negocios quedaron afectados polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias por causa da covid-19.

En virtude deste acordo, o Concello da Laracha comprométese a complementar as subvencións do programa de apoio ao sector da hostalaría (orde do 22 de febreiro de 2021, publicada no DOG número 36) que foran convocadas no seu momento pola Xunta de Galicia e que tiveran un orzamento de doce millóns de euros.

Así, o Concello achegará un total de 61.000 euros para suplementar ditas axudas a todos os establecementos hostaleiros do termo municipal que as solicitaran e que cumpren cos requisitos estipulados nas bases.

Esta liña de subvencións da Xunta de Galicia que agora será complementada con fondos municipais é compatible coas outras dúas convocatorias de axudas dirixidas ao fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19 e das que se beneficiou o tecido empresarial. Unha delas foi promovida e financiada integramente polo Concello con fondos propios, destinándose unha partida orzamentaria de máis de 220.000 euros. A outra foi o PEL-Reactiva, o fondo de financiamento impulsado pola Deputación da Coruña e que tamén contou cunha achega municipal para sumar un total de máis de 185.000 euros.