• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego comeza a actuar no entorno do museo de Golmar

23/04/2021

AA especialidade de carpintería e moble do Obradoiro de Emprego A Laracha VI comezou a acometer as labores previstas no entorno do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, consistentes na renovación do peche perimetral, da tarima de madeira e do mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

 

A intervención, a primeira que se realiza sobre o terreo, é a parte final dun labor que comezou coa fase formativa, continuou co traballo no taller para a fabricación das estruturas de madeira e conclúe agora coa colocación das mesmas. O alcalde José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ata Golmar para coñecer o resultado desas actuacións.

 

Precisamente o traballo no taller estivo a centrar a actividade durante as últimas semanas, durante as que os alumnos traballadores, baixo a supervisión do persoal docente, elaboraron tamén o mobiliario urbano que se instalará en próximas datas en diferentes puntos do termo municipal para renovar os equipamentos actualmente existentes. Ademais, esta especialidade de carpintería de madeira ten prevista outra actuación consistente na mellora do paseo fluvial do Anllóns.

 

Cabe lembrar que o Obradoiro de Emprego A Laracha VI conta con outra especialidade, a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, que centra as súas intervencións na posta en valor da área recreativa de Gabenlle e na zona verde situada nas inmediacións do parque empresarial.

 

En total son vinte e cinco persoas  as que forman parte do programa. Vinte son os alumnos traballadores –dez en cada especialidade- e outras cinco, as que forman o equipo directivo, formativo e administrativo composto por unha directora, un mestre para cada especialidade, un mestre/titor e un auxiliar administrativo.

Os  alumnos traballadores, vinculados ao Concello cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses de duración do Obradoiro de Emprego e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.