• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello urbaniza a parcela do viveiro de empresas

20/04/2021

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron ao viveiro de empresas, situado xunto á entrada principal ao polígono industrial da Laracha, para comprobar o resultado dos traballos que se están a desenvolver para urbanizar parte desa parcela de titularidade municipal.

O proxecto ten un orzamento de 15.000 euros a financiar integramente con fondos municipais. A finalidade é a adecuación do exterior do edificio para facilitar os accesos a pé e os rodados cara as diferentes entradas, tanto a principal, onde se sitúan as oficinas, como as laterais que dirixen ás naves industriais.

Tamén se inclúe no proxecto a canalización soterrada da rede de abastecemento de auga que posibilitará dotar á parcela, posteriormente, cunha zona axardinada con rego automático.

Viveiro de empresas

O Concello lembra que continúa aberto o programa de acollemento no viveiro de empresas, ofrecendo a posibilidade aos emprendedores laracheses de alugar a prezos reducidos ben a unha das dúas naves ou ben a unha das oito oficinas que se ofertan no modelo coworking. En ambos casos se inclúe o servizo de telefonía fixa, acceso a internet, limpeza, seguro, alarma de vixilancia e emprego das zonas comúns (sala de reunións e aulas polivalentes).

Os requisitos que deben cumprir as empresas son ter o domicilio social e fiscal no Concello da Laracha, estar constituídas como máximo seis meses antes de presentar a solicitude ou tres meses despois da resolución da concesión do acollemento e presentar o proxecto que avale a viabilidade económica e técnica da iniciativa empresarial.