Concello
Publicada a resolución coa listaxe definitiva de beneficiarios do fondo de financiamento do PEL-Reactiva
15/04/2021
Xa está dispoñible para a súa consulta nesta ligazón a resolución definitiva da concesión das axudas do fondo de financiamento para a reactivación económica e social (PEL-Reactiva), programa impulsado pola Deputación da Coruña e ao que se adheriu o Concello da Laracha co propósito de contribuír a paliar as consecuencias econonómicas que a crise do coronavirus supuxo para as microempresas e persoas autónomas.
Coa publicación dese documento, no que se detallan as relacións tanto de beneficiarios como das solicitudes desestimadas por excederse a contía máxima de financiamento dispoñible ou por non cumprir algún dos requisitos do programa, dáse por concluída tramitación administrativa para a concesión das axudas, que foi ardua e laboriosa debido á cantidade de solicitudes presentadas e á complexidade da documentación requirida. A valoración de cada unha delas realizouse segundo os criterios puramente técnicos fixados nas bases aprobadas pola Deputación da Coruña.
As empresas e autónomos que resultaron beneficiarios terán agora de prazo ata o día 12 de maio para presentar a documentación xustificativa da subvención. Unha vez realizado ese trámite, o Concello aboará o importe da axuda concedida.
Este fondo de financiamento está dotado cun total de 185.113,21 euros, dos cales o oitenta por cento é achegado pola Deputación (148.090,56 euros) e o vinte por cento restante, polo Concello (37.022,64 euros). Cada un dos oitenta beneficiarios percibirá unha achega dun mínimo de 1.500 euros e un máximo de 3.000 euros.