• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A execución dos proxectos de limpeza e conservación de cunetas avanza a bo ritmo

15/04/2021

O Concello ten en fase de execución de modo simultáneo dous proxectos de limpeza e conservación de cunetas en estradas de titularidade municipal.

O obxectivo das actuacións é mellorar as condicións das vías e aumentar a súa capacidade de evacuación, reforzando tamén a seguridade viaria ao favorecer a drenaxe e evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes. Os traballos inclúen a completa limpeza das cunetas, tubos e gabias, a formación do arcén e o perfilado dos noiros, ademais da poda das polas saíntes, o transporte da terra e outra materia vexetal retirada e o desbroce e limpeza superficial do terreo desmontando.

O investimento alcanza os 95.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais. Actuarase nun total de 71 quilómetros lineais da rede viaria local, estando afectadas estradas dos seguintes núcleos de poboación:

  • Montemaior: núcleos de A Panela, O Viso, Goexe, Propeste, Santa Margarida, O Canedo, A Chamusqueira, Nebrexe, As Cernadas, A Pena, A Baiuca, A Castiñeira, A Casanova, A Fieira, Vilariño, A Medorra, Casas Longas e O Igrexario.
  • Soandres: O Priorato, As Senras e Encián.
  • Coiro: Gudís, O Pazo Vello, A Painceira e O Casal do Monte.
  • Lemaio: Pedrarrubia, O Pereiro, O Igrexario, A Fraga e A Pedreira.
  • Lendo: acceso a O Bastón
  • Caión: Xermaña, A Pedreira, O Outeiro e Alvite.
  • Cabovilaño: núcleos de O Cancelo de Abaixo, A Telleira, O Igrexario, Padronelo, A Casanova e O Cuartel, e estrada entre O Feal e A Rega.
  • Erboedo: Paredes, O Piñeiro, Erboedo de Abaixo, O Igrexario, San Paio, O Campo da Ran e Reirís. 
  • Golmar: As Talladas e San Cristovo.
  • Lestón: O Cruceiro, Centulle e A Porta Santa.
  • Vilaño: Fragunde, Fornelos e Vilanova.

Precisamente este último lugar, Vilanova (parroquia de Vilaño), é unha das localizacións nas que se está a actuar nestes momentos. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro da área de Urbanismo e Obras, Jesús Souto, desprazáronse ata alí para interesarse polo desenvolvemento dos traballos, que seguirán realizándose ao longo das próximas semanas.