• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO REFORZA PARTIDAS ORZAMENTARIAS RELACIONADAS CO EMPREGO, FORMACIÓN E SERVIZOS SOCIAIS

01/08/2016

No Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo celebrado o venres 29 no Concello da Laracha acordouse –coa abstención do PSOE e do grupo mixto (TeGa)- aprobar a transferencia de crédito que permitirá reforzar nun total de 88.912,26 euros determinadas partidas orzamentarias relacionadas co apoio ao emprego xuvenil, formación e prestación de servizos sociais, cuestións que, segundo o alcalde José Manuel López Varela, “deben ter preferencia sobre o resto”.   

En concreto, beneficiaranse dese maior crédito orzamentario autorizado hoxe polo Pleno o proxecto de formación profesional para a mocidade Deseñando o teu futuro, os servizos de axuda no fogar e xantar na casa, programas de atención á terceira idade, iniciativas e cursos formativos e tamén achegas para as Comisións de Festas.   

Na sesión elevouse a definitiva a aprobación –coa abstención do BNG- da nova ordenanza que regulará a concesión de axudas económicas municipais por concepto de emerxencia social. Neste punto López Varela garantiu que “van ser atendidas polo Concello, sen excepción, todas as familias do municipio que se atopen nunha situación de emerxencia económica e conten cos correspondentes informes dos técnicos do departamento de servizos sociais”.   

Houbo unanimidade dos catro grupos con representación na Corporación municipal na adhesión do Concello da Laracha ao proxecto  An european bridge to promote rights and citizenship (Unha ponte europea para promover dereitos e cidadanía), organizado no marco do programa Europe for the citizens (Europa para os cidadáns), a través de que se establecerá a cooperación de A Laracha con catro municipios de Italia, Alemania, Eslovaquia e Hungría. A finalidade esencial é abrir vías para levar a cabo, entre outras iniciativas, intercambios, actividades de voluntariado e prácticas profesionais para a xuventude. O convenio será asinado no municipio italiano Forza D’Agrò (rexión de Sicilia) o vindeiro día 13 de setembro e a comitiva larachesa que se desprazará para asistir ao evento estará formada por nove persoas. O alcalde aproveitou o Pleno para convidar a formar parte da expedición a un membro de cada grupo político, como tamén se fará con representantes do tecido asociativo municipal.   

O acordo de todos os grupos mantívose ao fixar o Martes de Entroido (28 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro) como festivos locais para o ano 2017.   

Salientar, por último, que se deu conta á Corporación tanto do período medio de pagamento aos provedores como das 245 resolucións de alcaldía ditadas desde o pasado día 24 de maio, cifra que o alcalde considera “indica fielmente o volume de traballo administrativo que se realiza neste Concello”.

Compartir: