• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde mostra o apoio ás reivindicacións do sector da perruquería e centros de estética

14/04/2021

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, mantivo hoxe unha reunión con representantes dos sectores da perruquería e salóns de estética co propósito de coñecer de maneira directa a problemática á que se enfrontan e as súas necesidades máis perentorias ante a o coronavirus e a crise económica derivada da pandemia.

Asunción Catoira -presidenta de ECIPA (Asociación Estilistas Coruñeses)-, Irina Salgado -coordinadora da Plataforma Peluqueros Unidos de España- e Jesús Vázquez como representante do sector no concello da Laracha trasladáronlle ao rexedor municipal a importancia de dar visibilidade á función social que o colectivo realiza.

Tamén explicaron o momento de incerteza que vive o sector ao estar excluído de gran parte das convocatorias de axudas públicas e reivindicaron a necesidade de consideralos un servizo esencial para poder volver aplicarlles o IVE reducido do 10% (actualmente está no 21%).

López Varela trasladoulles o seu apoio en nome da Corporación municipal e, ao considerar xustas as súas demandas, comprometeuse a secundar as accións que con esas finalidades leve a cabo o sector.