• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello lembra a obrigatoriedade de manter en óptimas condicións as parcelas situadas en núcleos de poboación

10/04/2021

A Lei do Solo de Galicia establece a obrigatoriedade de manter en óptimas condicións de conservación os solares e fincas situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais das parroquias.

Todos os anos o Concello da Laracha desenvolve unha campaña informativa sobre estas cuestións, con especial incidencia na primavera e no verán por tratarse das épocas de maior crecemento da biomasa, aínda que tamén nos meses restantes se levan a cabo actuacións dirixidas a cumprir as condicións de seguridade, hixiene, salubridade e ornato público das fincas privadas.

En cumprimento da normativa, a Policía Local realizará durante os próximos días os correspondentes informes detallando os terreos que non se atopen en boas condicións de conservación para requirir aos seus propietarios a execución das actuacións correspondentes á maior brevidade.

Nesas notificacións que serán remitidas polo Concello advertirase aos titulares dos terreos que o incumprimento da normativa vixente poderá implicar sancións administrativas, ademais de asumir o propietario das parcelas o custe das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello executará subsidiariamente.

O Concello agradece á veciñanza a súa implicación e sensibilización co mantemento en bo estado de conservación das parcelas privadas, dado que por norma xeral ditos labores se acometen en tempo e sen necesidade de requirimentos previos.