• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello celebra o Mes do Libro con tres propostas dirixidas ao público infantil

03/04/2021

O 23 de abril celébrase O Día Internacional do Libro co obxectivo de fomentar a lectura especialmente entre os nenos. É tamén por ese motivo que abril é considerado como o Mes do Libro.

O Concello da Laracha volve organizar neste ano unha programación cultural para conmemorar o Mes do Libro con tres sesións de contacontos teatralizadas dirixidas ao público infantil. Realizarase ao longo deste mes nas tres vilas do termo municipal. En todo caso a celebración dos eventos previstos e as condicións de acceso estarán suxeitas a posibles cambios en función da situación epidemiolóxica e das medidas sanitarias e sociais que poidan establecer as autoridades competentes.

O programa abrirase o xoves día 15 no CEIP de Caión con Brincadeira Pirata a cargo de Teatro Calavera e dirixida a nenos de entre tres e dez anos de idade.

O sábado 24 a Casa da Cultura da Laracha acollerá o espectáculo Ris Ras de Baobab Teatro, pensando para público de ata oito anos.

O venres 30 pecharase o ciclo no centro sociocultural de Paiosaco con A familia Papaventos, un espectáculo musical a cargo de Charo Pita.

Todos os espectáculos principiarán ás 18:00 horas, con entrada gratuíta ata completar a capacidade máxima permitida nas salas e sendo obrigatorio por parte do público o cumprimento das correspondentes medidas sanitarias contra o coronavirus.

A Deputación Provincial da Coruña colabora co Concello da Laracha na organización do programa do Mes do Libro.

 

DESCARGA

Cartel do Mes do Libro