• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia a tramitación urbanística previa á aprobación do Plan Parcial AR-S1 que promove Inmobiliaria Gabenlle

31/03/2021

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a instancias do Concello da Laracha somete a consulta pública na súa páxina web por un prazo de trinta días hábiles a avaliación ambiental estratéxica simplificada e o borrador do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas”.

Este Plan parcial, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), trátase dunha iniciativa privada impulsada pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle. Ten por finalidade crear un novo ámbito comercial nunha parcela situada na entrada ao casco urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552, que presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales corresponde unha cesión do dez por cento ao Concello por parte do promotor.

Xunto a dita parcela o PXOM xa contempla a creación dunha rotonda no encontro entre a estrada autonómica AC-552 e a rúa Eusebio Bértoa Queijo, que serviría tamén de conexión ao desenvolvemento deste Plan Parcial, para o que se prevé que na marxe oeste se inclúa unha nova rúa, neste caso de sistema local, que conecte a AC-552 co viario situado ao norte do ámbito. Ademais, prevese a creación de 177 prazas de estacionamento público, das cales 44 serían reservadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida. A asunción íntegra dos custos de execución é por parte do promotor, que tamén deberá realizar as correspondentes conexións ás redes de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, abastecemento e saneamento). Así, o sector resultaría integrado na trama viaria e sería accesible tanto de modo peonil como polo tráfico rodado.

Este Plan Parcial é a ferramenta urbanística que posibilitará o desenvolvemento comercial do ámbito e a súa incorporación á trama urbana da vila da Laracha a través das novas conexións viarias, a creación dunha franxa vexetal que actúe como transición entre o solo rústico e o urbanizado e a redefinición do borde urbano incorporando novos usos.

O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como unha achega positiva á actividade comercial, xa que o sector será un motor comercial para a vila e abrirá novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal.