• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A "Primavera Teatral" regresa a Paiosaco con tres funcións no mes de abril

27/03/2021

O Concello presenta o programa da décima edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A Primavera Teatral, afianzada como un dos grandes referentes da programación cultural municipal, desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural desa localidade e constará de tres espectáculos. En todo caso a celebración do programa e as condicións de acceso estarán suxeitas a posibles cambios en función da situación epidemiolóxica e das medidas sanitarias e sociais que poidan establecer as autoridades competentes.

A día de hoxe a situación sanitaria limita a asistencia de público ao trinta por cento do aforo do auditorio do centro sociocultural da Porta Santa e estipula a obrigatoriedade de que as persoas que ocupen o patio de butacas permanezan coa máscara posta durante toda a función. Ademais, debido á limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, decidiuse adiantar a hora de inicio das funcións con respecto a edicións anteriores e as obras comezarán ás 20:00 horas.

Cumprindo estritamente ditas medidas de seguridade, o Concello programou a Primavera Teatral co dobre obxectivo de ofrecer á cidadanía unha oportunidade para achegarse ás artes escénicas presenciando espectáculos destas características e de apoiar ao sector cultural, especialmente afectado pola crise do coronavirus.

A primeira cita será o venres día 9 con Chola, a IT Girl. Laura Valverde porá en escena á protagonista da peza, unha mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber.

A semana seguinte, o venres 16, a compañía Malasombra Produccións chega con Go On!, unha comedia protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García e dirixida por Marcos Orsi. A peza percorre e parodia os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral mediante dous intrépidos exploradores que tiveron o valor de introducirse nas descoñecidas terras galaicas a través do Camiño de Santiago.

O ciclo pecharase o venres 23 cunha versión de Mostellaria, a comedia clásica de Plauto, adaptada pola compañía teatral Corzo Producciones.

Todas as funcións serán con entrada gratuíta por orde de chegada e ata completar o aforo máximo permitido.

Colabora co Concello na organización da Primavera Teatral de Paiosaco a Deputación da Coruña.

 

DESCARGA

Cartel da Primavera Teatral