• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados por unanimidade todos os puntos da orde do día do Pleno ordinario celebrado hoxe

26/03/2021

Na sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de marzo que se celebrou hoxe na Casa da Cultura aprobáronse por unanimidade dos tres grupos municipais a totalidade dos puntos incluídos na orde do día.

A sesión principiou gardando dous minutos de silencio en sinal de respecto ás vítimas da covid e da violencia de xénero. A continuación o alcalde, José Manuel López Varela, procedeu á lectura da declaración institucional do Concello da Laracha en sinal de apoio á Confraría de Pescadores de Caión en particular e á frota galega de pesca artesanal en xeral ante a problemática que para eles supón a modificación do Regulamento de Control da Pesca aprobada recentemente polo Parlamento Europeo.

Xa inmersos na orde do día, foi aprobado o texto do novo regulamento municipal de venda ambulante que afecta principalmente á feira de Paiosaco. Entre outros asuntos, a norma mellora aspectos como o funcionamento interno, a concesión dos postos, o cambio de titularidade, a identificación dos comerciantes e os requisitos necesarios para exercer a venda. Ademais, quedan establecidas multas aos titulares de postos que non os manteñan nun correcto estado de limpeza tras rematarse a xornada de feira. O alcalde explicou que “non é unha ordenanza fiscal, non ten afán recadatorio e seguirase sen cobrar á xente na zona de produtos do campo”. López Varela incidiu en que “se trata de que a feira funcione aínda mellor e continúe sendo un motor económico para Paiosaco e para o todo o concello”. Tralo acordo plenario, o texto publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estará un mes en exposición pública antes de proceder á aprobación definitiva.

Acordouse, tamén, solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Universidade o cambio de uso das antigas escolas da Areosa para convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural. Nos últimos anos ese inmoble, de titularidade municipal e situado moi próximo ao CEIP Otero Pedrayo, xa acolleu actividades culturais incluídas na programación municipal. Como apuntou o alcalde, este cambio de uso “permitirá ao Concello poder realizar no edificio actuacións de rehabilitación” segundo as necesidades que se presenten.

O Pleno aprobou mostrar o apoio do Concello da Laracha á declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial do Surf. Isto implica manifestar de xeito oficial o compromiso de velar pola identidade ecolóxica e natural de carácter medioambiental do territorio mediante a protección das ondas e dos ecosistemas das praias, así como aumentar o potencial turístico a través do surf. López Varela concluíu que “isto implica protección ambiental e apoio sociocultural, ademais de abrir novas oportunidades económicas que tamén son importantes”.

Na sesión deuse conta das 173 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde o Pleno anterior e tamén da liquidación do exercicio económico 2020, que como dato máis significante deixa un remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 1.699.486,52 euros.

Salientar, por último, a aprobación dunha moción na que se insta ao Goberno central á posta en marcha dun plan contra a exclusión financeira no ámbito rural e á Xunta a que continúe desenvolvendo as súas competencias en materia de protección e defensa dos dereitos dos usuarios da banca. Así mesmo, tamén se expresou o apoio ás reivindicacións dos traballadores da banca en defensa dos seus postos de traballo e dos servizos financeiros básicos.