Concello
As brigadas municipais realizan unha ampla intervención no entorno da praia de Caión e do Sendeiro de Saldoiro
13/03/2021
As brigadas municipais de conservación e mantemento dos entornos medioambientais están a realizar unha ampla e completa actuación de desbroce e limpeza de vexetación no entorno da praia de Caión e tamén no Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo que vai desde o acceso principal ao areal ata o arroio Figueirido e que conta co distintivo de Sendeiro Azul.
Aproveitando as condicións climatolóxicas favorables dos últimos días, os operarios municipais están a acondicionar as zonas verdes e os espazos de esparexemento, así como eliminando a materia vexetal nas área de aparcamento de vehículos. A continuación procederán a realizar as mesmas actuacións ao longo do sendeiro cos obxectivo de embelecer a zona e facilitar a visibilidade para que os peóns poidan divisar con maior comodidade a fermosa estampa que forman a praia coa vila de Caión ao fondo.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, quixeron comprobar o resultado das actuacións desprazándose ata Caión, onde mantiveron un encontro cos operarios municipais para darlles indicacións sobre as zonas nas que traballarán nos próximos días.
A intervención afecta, en total, a unha superficie de terreo público próxima aos 50.000 metros cadrados e acométese nestas datas ante a previsión de maior afluencia de visitantes á vila na ponte de San Xosé (19 de marzo) e na Semana Santa (última semana de marzo e primeira de abril).