Concello
O Concello crea un novo local no campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco
14/03/2021
O Concello ten en fase de execución as obras dirixidas a crear un novo local no campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco.
A actuación desenvólvese dando continuidade ao edificio de vestiarios xa existente para xerar un novo local cuberto dunha superficie útil de 24,20 metros cadrados que será empregado como sala de masaxes e fisioterapia. Así, aumentarase a cobertura en instalacións do campo de fútbol, que xa conta cun local social, sala de reunións, catro vestiarios para equipos e dous para árbitros, zona de lavandería e almacén, ademais das bancadas que na súa parte baixa tamén albergan outro amplo espazo de almacenamento de material.
Este proxecto lévase a cabo de acordo ás necesidades que presenta a Unión Deportiva Paiosaco, o club que é o principal usuario das instalacións, nas que desenvolven os adestramentos e os partidos como local os equipos cos que conta a entidade en todas as súas categorías, once na temporada actual.
O investimento desta actuación superará os 17.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros de Obras –Jesús Souto- e de Deportes -Patricia Bello-, estiveron no campo de fútbol A Porta Santa para coñecer in situ o desenvolvemento das actuacións.