Concello
O Concello inicia o proxecto de limpeza e conservación de cunetas na rede viaria municipal
10/03/2021
Xa está en execución o proxecto de limpeza e conservación de cunetas en estradas de titularidade municipal situadas nas parroquias de Montemaior, Soandres, Coiro, Lemaio, Lendo e Cabovilaño.
O Concello inviste integramente con fondos propios municipais preto de 50.000 euros co obxectivo de mellorar as condicións das vías e aumentar a súa capacidade de evacuación, aumentando a seguridade viaria ao favorecer a drenaxe e evitar que se xeren encharcamentos tanto nas estradas como nas propiedades limítrofes.
Os traballos inclúen a completa limpeza das cunetas, tubos e gabias, a formación do arcén e o perfilado dos noiros, ademais da poda das polas saíntes, o transporte da terra e outra materia vexetal retirada e o desbroce e limpeza superficial do terreo desmontando. O proxecto contempla intervencións a ambas marxes das estradas e a mellora dun total de 37 quilómetros lineais de cunetas.
En concreto, as vías obxecto das actuacións afectan na parroquia de Montemaior aos núcleos de A Panela, O Viso, Goexe, Propeste, Santa Margarida, O Canedo, A Chamusqueira, Nebrexe, As Cernadas, A Pena, A Baiuca, A Castiñeira, A Casanova, A Fieira, Vilariño, A Medorra, Casas Longas e O Igrexario; en Soandres a O Priorato, As Senras e Encián; en Coiro a Gudís, O Pazo Vello, A Painceira e O Casal do Monte; en Lemaio a Pedrarrubia, O Pereiro, O Igrexario, A Fraga e A Pedreira; en Lendo ao acceso a O Bastón e en Cabovilaño á estrada entre O Feal e A Rega.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, desprazáronse hoxe á estrada que comunica Santa Margarida con O Canedo, en Montemaior, para interesarse polo inicio dos traballos.
Este proxecto de mellora de cunetas na rede viaria terá continuidade posteriormente con outra actuacións de similares características que afectará a estradas doutras parroquias e cuxa execución está prevista para este ano.