• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello concluirá os días 8 e 9 de abril a expropiación dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo

04/03/2021

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou fixar os días 8 e 9 de abril como as datas nas que se citará aos actuais propietarios dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo para proceder ao pagamento da expropiación e ao correspondente levantamento das actas previas á ocupación, dándose así por concluído o procedemento.

O Concello inviste 43.7078,96 euros na adquisición dos 2.696 metros cadrados de superficie –repartidos en catorce parcelas- que están afectados polo proxecto de mellora dos accesos cara o centro de ensino e reforzamento da seguridade viaria na zona. Consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas, dando continuidade á mellora da vía -xa realizada- entre O Pereiro e As Calzadas. O ancheamento da plataforma da estrada permitirá dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.

O proxecto está valorado en 245.000 euros, que xa están consignados nos orzamentos e que proceden integramente de fondos propios municipais. De xeito simultáneo, o Concello licitará nos próximos días o proxecto co propósito de avanzar no procedemento de contratación e poder iniciar as obras á maior brevidade unha vez se dispoña dos terreos afectados polas mesmas.

Contratación de persoal

A Xunta de Goberno Local tamén acordou solicitar a participación do Concello en diferentes programas convocados por outras administracións dirixidos á contratación de persoal.

Á Consellería de Emprego e Igualdade solicítase unha achega para a contratación dun técnico en orientación laboral por un período de doce meses.

Á subvención solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten por finalidade contratar durante catro meses un técnico especialista en arquivos e patrimonio documental.

Ao abeiro do programa da Deputación da Coruña para limpeza de praias marítimas, preséntase unha solicitude para contratar nove persoas durante un período de tres meses para prestar servizo no areal de Caión ao longo da temporada estival.

Licenza urbanística

Por último, salientar que foi concedida a licenza urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de A Botica, na parroquia de Vilaño.