• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de construción da marquesiña no acceso ao centro comunitario de Caión

06/03/2021

Xa están en execución as obras de proxecto de construción dunha marquesiña no Centro Comunitario de Caión como elemento de resgardo no acceso á edificación de recente creación, incluíndo ademais o acondiciomento do espazo exterior xunto a unha das entradas.

Este ámbito está moi exposto á choiva e ao vento, polo que o Concello proxectou esta solución para aumentar o confort das persoas que acudan ao centro. A marquesiña quedará perfectamente integrada no edificio, dándolle continuidade ao estar realizar coa mesma tipoloxía formal e material.

O novo elemento será de baixa estatura para evitar que tape a entrada da luz natural e as vistas ao mar no primeiro andar do inmoble. Polos lados expostos ao mar terá un peche con carpintería e vidro, contemplando a opción de recollerse por un lateral durante o horario de apertura.

O proxecto tamén contempla a creación dun percorrido adaptado polo exterior do edificio poder acceder a esta zona desde a beirarrúa.

A actuación suporá un investimento próximo aos 48.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.

O centro comunitario “Costa da Morte” será unha instalación de referencia en Caión e reforzará a cobertura en infraestruturas públicas da vila, abrindo novas posibilidades para ofrecer servizos, programas e iniciativas de interese xeral. O deseño do singular edificio está vinculado á historia de Caión ao presentar unha forma exterior curva que recorda ao lombo das baleas, especie que se cazou no porto durante os séculos XVI e XVII. O inmoble será plenamente multidisciplinar ao contar con oficinas administrativas –a unha delas serán trasladadas as dependencias da Confraría de Pescadores-, aulas polivalentes, auditorio e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados. O proxecto tivo un orzamento de 1,2 millóns de euros.

Ademais, o Concello investiu outros 35.000 euros en amoblar todas as estancias e na dotación do equipamento audiovisual do auditorio. As actuacións estanse a facer de xeito simultáneo á creación da marquesiña para poder dispoñer do novo edificio plenamente funcional á maior brevidade.