Concello
“SEA” e o Concello avanzan nos plans para a ampliación do polígono, constatada a crecente demanda de solo na zona
05/03/2021
A xerente de “SEA”, Beatriz Sestayo, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, avanzaron este venres nas xestións encamiñadas á ampliación do polígono ante a constatación de que existe demanda de solo empresarial neste municipio.
O polígono é un dos de maiores dimensións dos trece que xestiona “SEA”, dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, ao dispoñer de 537.925 metros cadrados netos, dos que xa están ocupados preto do 75%.
Na reunión celebrada hoxe no Concello da Laracha, na que participaron técnicos municipais e de Suelo Empresarial del Atlántico, avanzouse nos plans de cara á ampliación do polígono, “unha vez constatada a interesante demanda de investimento industrial e a celeridade das modificacións do proxecto sectorial”, explicou Beatriz Sestayo.
A xerente de “SEA” puxo en valor, tamén, a “absoluta concordancia na modernización” do parque empresarial co obxectivo de “aportarlle un avance medioambiental coa incorporación que realizou o Concello de sendas peonís”.
José Manuel López Varela mostrouse “satisfeito pola reunión para analizar a situación actual do polígono” e valorou positivamente “a boa sintonía para seguir avanzando na súa ampliación, na que todas as partes estamos de acordo”.
Ademais, co acordo de Concello e “SEA” está a punto de finalizarse a tramitación da modificación do plan sectorial, que posibilita aumentar as alturas permitidas nas edificacións e suprimir o límite de superficie máxima de 600 metros en distintas áreas, entre outras medidas, para facer o polígono “máis permeable ao establecemento de distintas industrias”, subliñou Sestayo.
A fase actual, pendente dos informes pertinentes da Xunta de Galicia, está previsto que finalice este mes para que posteriormente sexa ratificado pola área municipal de Urbanismo.
A ampliación desenvolveríase cara a zona norte e suporía a mellora da oferta empresarial nun espazo cunha ubicación estratéxica na provincia da Coruña e que experimentou un crecente interese nos últimos anos.
O polígono da Laracha conta con parcelas vendidas a empresas como Inditex, Galitráns, Esmorís e Hijos, Hidroeléctrica de Laracha, Unifersa, Uniter, Desguaces Recarey e Cardemad.