• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

As brigadas medioambientais municipais actúan no Castro de Montes Claros

01/03/2021

O Concello continúa desenvolvendo actuacións que teñen por obxectivo conservar o castro de Montes Claros, o xacemento arqueolóxico situado na parroquia de Vilaño pertencente á idade de ferro que é de titularidade pública tras adquirir o Concello os 43.279,97 metros cadrados de superficie de terreos que o albergan.

Nestes momentos as brigadas medioambientais municipais están a realizar traballos manuais de limpeza superficial na contorna do castro consistentes no desbroce da maleza e a poda das árbores autóctonas –carballos, castiñeiros e loureiros- que se conservan. O ámbito está libre de eucaliptos, xa que foran cortados e aplicáraselles ás cepas un tratamento específico para evitar os rebrotes desa especie.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello, acudiron ao castro para interesarse polo desenvolvemento destas actuacións preventivas que están contempladas no protocolo de mantemento do proxecto de control arqueolóxico. Son feitas baixo a supervisión da arqueóloga redactora do mesmo –Puri Soto- e contan coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Cabe lembrar que este recinto xa fora obxecto doutras actuacións de conservación e posta en valor promovidas polo Concello como os dous campos de voluntariado desenvolvidos nos veráns 2018 e 2019 e as intervencións puntuais que realizan cada ano as propias cuadrillas medioambientais municipais. No momento actual o castro de Montes Claros xa se atopa preparado para poder plantexar nel a primeira intervención de tipo arqueolóxico.